sábado, 11 de mayo de 2013

Cousa do apelido



Dous días na procura de información. Unha noite e unha tardiña. Poucas horas, admítoo, unha vez que atopei xustamente o que andaba a buscar. Xornais dixitais, noticias antigas, hemeroteca, un vídeo que atopei perdido por Youtube, e coma non, a Wikipedia. Xa tiña documentación. Tíñao todo organizado.
Durmín tranquila. 

Espertei. 

Esquecíaseme algo. 

O máis importante. Saber se era certa ou non a razón pola que recompilei as máis de 10 de follas na documentación anterior. Ía a comezar a escribir un relato que non sabía se era de todo certo ou non. Collín o móbil, non foi nada distinto a un espertar normal, todos o collemos ó espertar, non o neguedes, o Twitter e o Whatsapp téñennos máis ganados cos berros dos nosos pais para erguernos. 

Pai, ese era o dato que se me esquecera á noitiña. Pregunteille. Era verdade, era. Non soñara eu tal cousa. Mais aínda así el mesmo dubidada nalgúns detalles. “Ofu, eso fue hace 20 años” A primeira resposta, non mo negara, co cal o percance fora un feito verídico. Xa o porque, se antes ou despois, non se tiña moi claro, per conseguiuse coa información que eu lle ía dando, máis a que el me contrastaba. Historias que eu xa tiña escoitado nas comidas do Nadal; ría, pero non cría que foran verdade, e que nin sequera o parecen. Eran contos surrealistas e absurdos dabondo, xa non so para estar na historia da miña familia, senón para ser noticias tan determinantes. Sempre crin que era unha anécdota máis levada ós extremos da actualidade policial, mesturada cunha incógnita familiar. Nada máis. Enganábame a min mesmo. Vai ser que a miña familia agocha máis segredos dos que eu penso, e incluso dos que pensan os meus avós. Todo é investigar. Algún día farei unha exploración a fondo no pasado da miña familia, non a todo correr coma isto e cunha información duns cantos días. 

A anécdota deixa de selo cando o conto incluso sae nos xornais. Cando a familia desa historia é outra, cando entran en acción palabras que por mágoa todos nós coñecemos, por moitos significados distintos que lles poidamos outorgar. Cando os significantes teñen, non significados distintos, interpretacións diferentes, para cada unha das distintas partes, distintas “familias”, non no seu sentido xeneralizado. Formas diferentes de ver o mundo, unha realidade común a todos. Aceptacións distintas para GRUPO TERRORISTA, ACCIÓN TERRORISTA e ATENTAR. Non terán para nós unha definición común, esquecendo o que nos di o dicionario, cada un, cada familia, pode ter unha interpretación diferenciada. Para a maioría de nós, supoño, o significado, contexto ó que asociamos eses termos lévannos ós efectos do MEDO e TERROR; para os que o producen ás veces non chega a ser máis ca a súa forma peculiar e inmediata de levar a cabo unha defensa, unha RESOLUCIÓN DOS SEUS IDEAIS, que non comparten as demáis familias. 

E así é coma comeza o meu descubrimento. Cunha familia e os seus atentados, e coa miña familia e as súas historias descoñecidas. 

O meu descubrimento comeza cando comentei na casa que tiña que facer algo relacionado coa memoria histórica. Nin unha soa idea tiven ata que miña nai comentou “Lo del atentado en  Jubia”. Atentado en Jubia? Un atentado a 15 minutos da miña casa? Cando? Como? Quen? Por que? Pregunteille á miña nai todo o que puidera saber sobre ese acontecemento, pero nada, a memoria falla. Só tiña unhas cantas ideas: fora na década dos 90, explosivos en torres de luz de Fenosa, cando só era Fenosa, dicíase que fora o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, un amigo da miña nai estivera no sindicato CXTG e sabía que xente del chegara a formar parte da organización EGPGC, o meu pai fora parado na autoestrada pola garda civil, unha dirixente do comando tiña o noso mesmo apelido… A partir de aquí comecei a investigar algo máis sobre EGPG, xa que a información que tiña era moi difusa e non era quen de relacionala coa anécdota familiar. 

Unha actividade dende 1987 ata 1991, Antón Arias Curto, Manuel Chao Dobarro coma líderes da organización… O primeiro contacto coa privilexiada Wikipedia non foi moi claro, seguía sen saber exactamente que clase de grupo eran. Tiña tantas incógnitas esa familia, e eu quería resolver a incógnita que o meu peculiar e secreto descubrimento familiar creara. Saber a maiores tamén que eran un grupo terrorista que pretendía conseguir a independencia de Galicia non me resolvía moita cousa… O adxectivo “terrorista” e “grupo armado” xustificaban a concordancia cos seus actos, non os actos en si mesmo. Aínda así eu non estou a contar isto para xustificar ou non accións agresivas e violentas de colectivos armados, contra civís ou opresores, eu só quero resolver, fundamentar, máis ben, un chisquiño do misterio da anécdota.  Íase formando pouco a pouco, collendo forma, pero non era dabondo para resolver o feito do que eu dubida. 

Non tiña moi claro, nin agora, se membros do CXTG formaran logo parte do colectivo, quizás o amigo da miña nai o estivera a confundir con Galiza- Ceive, e fora ó contrario; partidarios de Galiza- Ceive radicalizáronse no EGPGC. De todas formas iso non era o que me importaba. Os seus integrantes non me procuraban a información que eu necesitaba para resolver o meu dilema. Minto. Un integrante soamente, unha integrante, para ser correcta. A “prima de mi padre que estaba por el monte”. Iso é o que necesitaba saber, se o de “prima” era unha simple tomadura de pelo ou era verdade. O de “que estaba por el monte” é obvio se entendes que escapaba dunha detención e condena. 

Creo que xa vai sendo hora de explicar a que veñen todos os parágrafos anteriores, por se queda algún cabo solto para vós. 

Meu pai moitas veces ten comentado cando sae algún tema relacionado co terrorismo e Galicia o tema da “súa curmá”. “Como mi prima que escapaba por el monte!” Curmá no sentido adaptado do termo, familiar directo, filla dos teus tíos… familiar destes dos que apenas sabes que existen… ou prima coma se fora unha tipa calquera? Tantas interpretacións que eu nin atendendo ó ton da voz, nin ó humor, era capaz de entender. 

Ó buscar ideas relacionadas coa memoria histórica, atopei coa miña nai, coma xa dixen antes, este tema. Esa incógnita. Relacionar dalgunha forma máis concreta a relación do meu pai co EGPGC, do que ó principio non nos acordabamos. A conexión grazas á internet e ó Whatsapp non levou moito tempo: información e corroboración con detalles dun dos protagonistas da miña parte da historia.
Todo comeza cando meu pai é parado na autoestrada pola garda civil no 1989 polo seu apelido. Veña, douvos permiso para que vos riades, isto é unha especie de crónica dun descubrimento familiar, pero podédelo converter nun show de risas interiores cando vos diga o apelido. PORCA. Si, moita risa, ride. Se parastes seguide lendo. Ese apelido era o mesmo que levaba unha fuxida. A curmá. O meu cabo solto. O que non sabía se era polo atentado contra as torres de luz de Fenosa en setembro do 1991,  co que comezara a miña investigación, ou o co asasinato dun garda civil en Irixoa. Tiña noticias dos dous feitos… “MÁS DE 300000 PERSONAS AFECTADAS POR EL APAGÓN EN EL NORTE DE LA PROVINCIA DE CORUÑA…ATENTADO CONTRA DOS TORRETAS APROVECHANDO LA HUELGA DE FENOSA…LAS SOSPECHAS APUNTAN AL EXÉRCITO GUERRILLEIRO…” ou “El ex guerrilheiro juzgado por matar a un guardia civil dice que disparó «a ciegas»… La vista por el atentado de Irixoa se celebra en la Audiencia Nacional con diez años de retraso… Manuel Quintáns se enfrenta a una petición fiscal de 82 años de cárcel y ya ha cumplido 8” ou, a clave do misterio, o que rescatei da memoria familiar, o que podería usar cando meu pai fale da “súa curmá… o nome… JOSEFA RODRÍGUEZ PORCA, certo, o mesmo apelido… “Negó ayer su pertenencia al Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceibe en el juicio seguido contra ella en la Audiencia Nacional como presunta autora de la colocación de un coche bomba junto a la comisaría de policía de Orense, el 6 de junio de 1988, que causó lesiones a un agente… Josefa Rodríguez Porca, militante del Exército Guerrilheiro do Pobo Galego Ceibe (EGPGC), fue condenada por participar en un atentado en Irixoa (A Coruña) contra una patrulla de la Guardia Civil en el año 1989, en el que uno de los agentes murió y otro resultó herido”…
 
Así que a garda civil parou a meu pai para corroborar se era familiar desa muller, no 1989, cando o do garda civil morto e outro ferido, pero non o era. 
 
Quedou a anécdota, e agora eu descubrín pola miña conta un anaco da historia, un chisco da memoria histórica, unha peza da historia da que eu formo parte polos dilemas que levou o meu apelido, que une á miña familia tan indirectamente cunha organización terrorista, xa desarticulada dende fai anos.

Ou directamente pero “descoñecidamente”, porque meu avó é de Miño, e meu pai díxome que esa muller era de Miño… Quen sabe, o mellor tanto falar da prima que andaba polo monte, e será da familia e todo…

Quen sabe… Canto xogo pode dar agora o meu apelido…

No hay comentarios:

Publicar un comentario